A Asociación Galega de Amizade con Israel (A.G.A.I.), diríxese á Xermolos, como organizadora do Festival de Pardiñas, en relación ós incidentes acontecidos na última xornada do evento, que levaron á suspensión da actuación do grupo ruso Dobranotch.
En primeiro lugar, sinalar que A.G.A.I., con case vinte anos de existencia, é unha entidade que ten entre os seus fins denunciar a banalización do Holocausto, combater ese pensamento case único existente na nosa sociedade respecto ó conflito árabe-israelí e contrarrestar a demonización de Israel, defendendo o seu dereito lexítimo a existir; tamén por en valor o legado xudeu en Galicia. Sinalar que forman parte de A.G.A.I. ducias de homes e mulleres de distintas ideoloxías, crenzas e procedencias.
En segundo termo, cómpre resaltar o significado do Festival de Pardiñas, sen dúbida un dos máis importantes que se celebran no País, e recoñecer o traballo desenvolvido pola asociación Xermolos durante estas últimas décadas a prol da lingua e cultura galegas, especialmente un recoñecemento á figura de Alfonso Blanco.
Non obstante, o que sucedeu coa actuación da banda Dobranotch foi un exemplo de intolerancia de tal magnitude, que debe ser analizado. Que uns músicos sexan intimidados, acosados e atacados, ata o punto de que se asalte o escenario onde están tocando, resulta inaudito. E o máis detestable é a razón esgrimida por unha parte do público asistente, que non era outra que a presenza meses atrás en Israel do grupo en cuestión. Ese é un motivo de peso?. Quen son eses asistentes para decidir quen toca e quen non?. A organización non tiña a suficiente capacidade para garantir a continuidade da actuación musical e que o público puidese desfrutar da súa actuación ata o final?.
Para A.G.A.I., que esa acción derivase no abandono dos músicos do escenario é avalar a política da cancelación e levar a censura á súa máxima expresión, polo que resulta penoso e insoportable. O posterior comunicado da organización, no que defende a causa palestina e condena o xenocidio do pobo palestino por parte de Israel, tamén suscita a reacción da nosa asociación. Esquécense os de Xermolos que o sete de outubro de 2023, varios milleiros de terroristas -denominados milicianos por algúns- do grupo Hamás irromperon desde Gaza por terra e aire en poboacións e kibutzs israelís, executando a civís dentro das súas casas -máis de 1.200 mortos-, producíndose abusos sexuais e secuestrando a 250 persoas que foron levadas a túneles gazatís. Así mesmo, deberían recordar que tamén atacaron ós asistentes a un festival de música, si, de música, como podería ser o de Pardiñas ou calquera outro que se celebra pola nosa xeografía, matando a máis de dous centos, a inmensa maioría xente moi nova que estaba alí para bailar e disfrutar da música, como en Pardiñas. Uns corenta foron secuestrados. Ese festival, chamado Nova, tiña un espírito pacifista e algúns dos participantes tamén defendían esa causa palestina para que teñan os árabes dese territorio o seu estado, pero en convivencia pacífica co estado de Israel. Ós señores de Hamás pouco lles importou e levaron por diante os que puideron, insistimos, rapaces e rapazas que só estaban alí para bailar. Cal debería ser a resposta proporcional dunha sociedade que recibe un ataque de tal magnitude, é unha pregunta para a cal se admiten e agradecen respostas. Ataques en forma de lanzamento continuado de misís que igualmente se dirixen desde o Líbano ou Iemen (que está a máis de mil qms de Israel). Que debería facer Israel, en definitiva, cando o queren borrar do mapa, deixarse aniquilar, ser pasivo, agardar a que entren os milicianos de Hamás desde Gaza e Hizbulá desde o Líbano … Evidentemente, non.
O asunto palestino, mellor dito o conflito árabe-israelí, non se resolve con simples proclamas, nin tampouco se aclarará nesta misiva. Sorprende que nos últimos tempos, coas atrocidades e inxustizas que se cometen polo mundo adiante, só se focalicen os esforzos nunha única causa. Aínda que ese slogan, Free Palestine, desde o río ata o mar, conleve a aniquilación absoluta de Israel e como consecuencia da súa poboación xudía, oito millóns de persoas. Probablemente, a muller que subiu ó escenario para interromper a actuación do grupo ruso descoñece que o vinte por cento dos habitantes do estado de Israel son árabes, maioritariamente musulmáns, con plenos dereitos como cidadáns. Un apunte este para cando se fale de apartheit. Esa muller e os que levaban as bandeiras palestinas no concerto desta banda, supoñemos que tamén descoñecen que na cidade de Tel-Aviv se celebra anualmente o desfile do orgullo gai, evento ó que se despraza masivamente xente homosexual dos países árabes do entorno. Había algún/algunha participante no festival de Pardiñas con esta orientación sexual?. É probable. Nesa Free Palestine non gozarían dos máis mínimos dereitos, con moitas posibilidades de acabar en prisión e incluso condenadas a morte. Todo o contario en Israel. Había xente con mascotas en Pardiñas?. Había, si. En Ramala, Jenín, Jericó, Gaza, non poderían andar paseando co seu adorado can/cadela, porque llelo matarían. Polas rúas, prazas, parques e praias isaelís, si.
Un festival como o de Pardiñas nunca se celebraría nesa Free Palestine, téñano en conta, amigos de Xermolos, nin tampouco se permitirían as postas en escena e moitas das vestimentas femininas que se contemplaron nas dúas xornadas do festival. En Israel, sen ningún problema.
Para rematar, o obxecto desta carta, reiterar o rexeitamento e a condena máis absoluta ó boicot sufrido polo grupo ruso -banda que ben sabían vostedes a música que proxecta- e que levou á cancelación da súa actuación, polo mero feito de ter tocado en Israel. Foi unha acción, ademáis, chea de racismo, xenofobia e odio.
Lamentar que a organización non fose quen de evitar ese brutal escrache, identificar os culpables e denuncialos ante a xustiza. A música, como o deporte, debería servir para unir os pobos e non seren utilizadas para todo o contrario.
Saúdos.
Xunta Directiva de A.G.A.I. (Asociación Galega de Amizade con Israe

